Como escribir a túa carta ao Apalpador: unha tradición galega
O Nadal en Galicia está cheo de tradicións propias: mazás, castañas, panxoliñas… e, sobre todo, historias que nos fan sentir en familia e na casa. Un deses símbolos máis queridiños é o Apalpador, un personaxe do Nadal galego profundamente enraizado no corazón das Terras do Courel.
Nos últimos anos, cada vez son máis as familias que deciden escribir a súa carta ao Apalpador, recuperando unha tradición propia, distinta e chea de significado. Se este Nadal queres facer algo especial, aquí contámosche como escribir a túa carta ao Apalpador.
Quen é o Apalpador e por que forma parte do Nadal galego
O Apalpador é unha figura tradicional galega, especialmente asociada ao Courel, que, segundo a tradición, percorre as casas na noite de inverno para apalpar as barrigas dos nenos e nenas e comprobar se comeron ben durante o ano. Se o fixeron, déixalles agasallos sinxelos, como castañas ou doces, e, sobre todo, agarimo e alegría.
Esta tradición revive cada Nadal como símbolo de coidado, abundancia e vínculos familiares, e ten un lugar moi visible na pequena aldea de Folgoso do Courel, onde existe a Casa do Apalpador e un buzón onde nenos e nenas poden deixar as súas cartas para este personaxe tan especial.
Por que escribir a carta ao Apalpador no Nadal
Escribirlle ao Apalpador non é só pedir cousas. É un exercicio de memoria, identidade e ilusión compartida. Cada Nadal en Galicia é unha oportunidade para transmitir ás máis pequenas e pequenos que as tradicións tamén contan historias, e que esas historias falan de nós.
A carta ao Apalpador permite:
Falar de valores como a gratitude, o coidado e a comunidade.
Reivindicar o Nadal galego fronte ao consumismo.
Crear un ritual familiar que se repite ano tras ano.
Achegar ás crianzas á nosa cultura e tradicións.
E, ademais, é unha actividade perfecta para as tardes tranquilas de decembro.
Como escribir a túa carta ao Apalpador (guía Toxo)
Non hai normas fixas, pero si algunhas ideas que poden axudar a facer da carta algo especial:
1. Saúda con agarimo
Comeza con algo como “Querido Apalpador,” ou “Ola, Apalpador do Courel”.
2. Conta como foi o teu ano
Podes dicir algo que aprendiches, algo do que estás orgulloso ou algo que che gustaría mellorar.
3. Pide con sentidiño
Podes incluír desexos sobre túa familia, amigos ou a túa vila. Non hai problema en pedir algo divertido, pero sempre desde o corazón.
4. Agradece o que xa tes
Un “grazas” sempre fai máis fermosa a carta.
5. Deixa un debuxo ou unha frase especial
A veces un debuxo vale máis que mil palabras, e ao Apalpador encántanlle as cousas feitas con cariño.
Recuperar tradicións é manter viva a cultura! No Nadal galego hai espazo para moitas cousas: luces, música, encontro familiar… Pero tamén para transmisores de maxia como o Apalpador, que nos recordan que o importante non é o regalo, senón o acto de dalo e compartilo.
Porque en Toxo cremos que as tradicións non se perden: transfórmanse.
