Día das Letras Galegas 2025: Unha homenaxe ás cantareiras, gardiás da nosa memoria colectiva

Cada 17 de maio, Galicia celebra o Día das Letras Galegas, unha data na que se pon o foco sobre aquelas figuras que contribuíron á defensa, dignificación e promoción da nosa lingua. Mais este 2025 será fóra do habitual. A homenaxe que costuma ser indivual, será colectiva, e recaerá en quen durante séculos mantiveron viva a nosa identidade sen escribir unha soa liña en papel: as cantareiras.
As voces da terra
As cantareiras foron —e seguen sendo— mulleres anónimas que transmitiron, de xeración en xeración, a poesía oral galega. Elas foron quen de conservar, recoller e compartir coplas, cantigas, romances, refráns ou regueifas. Un patrimonio cultural vivo, profundamente popular, que se mantivo grazas ao uso cotián da lingua, á memoria oral e á forza das mulleres.
Nun tempo no que moitas non sabían ler nin escribir, a voz era o libro, e o canto era a biblioteca. Nas lareiras, nos campos, nos seráns, nas festas, nas romarías… en cada recuncho de Galicia, a palabra oral era música, emoción e identidade.
Mulleres resilientes
A decisión da Real Academia Galega de dedicarlles esta edición é tamén un acto de xustiza histórica. Porque durante moito tempo, o papel das mulleres na cultura foi invisibilizado ou relegado. E, con todo, foron elas quen máis fixeron pola supervivencia da lingua galega no eido popular, sobre todo en tempos difíciles onde falar galego era un acto de resistencia.
Así, esta homenaxe recolle os nomes de todas aquelas avoas, nais, veciñas ou mestras que, sen pretensións literarias, foron e son as verdadeiras gardiás da nosa fala.
Cantar para vivir. Cantar para lembrar
A tradición oral galega está chea de tesouros: cantigas de berce, cantos de traballo, romances de amor e desamor, cantares de cego, regueifas, coplas satíricas… Un universo creativo riquísimo que fala de quen somos, do que sentimos e do que vivimos como pobo.
E, como dicía Ramón Cabanillas, “A lingua é a patria”. Sen as cantareiras, parte desa patria estaría esquecida.
En Toxo, conectámonos tamén coa memoria
En Toxo Telecom, como operadora galega e de proximidade, sentímonos profundamente identificadas con esta homenaxe. Porque cremos nunha Galicia conectada non só tecnoloxicamente, senón emocional e culturalmente, ás súas raíces.
Celebrar o Día das Letras Galegas non é só lembrar o pasado: é recoñecer o valor das nosas nais e avoas, que fixeron da palabra oral un xeito de resistencia e beleza.
Este 17 de maio, únete á homenaxe:
Escoita e comparte unha cantiga que recordes.
Pregunta á túa avoa ou á túa nai se lembra algunha copla ou cantar da súa infancia.
Sube un vídeo ás redes cantando en galego.
Ou simplemente, fala galego.
Cada palabra suma. Cada voz conta.
Nas fotos: As Pandereteiras de Mens (1982) - Real Academia Galega / As Pandereteiras de Cea (Desde 1991) - Concello de Cea