Toxo recomenda: 5 plans imprescindibles da Dorna e o seu programa

Aínda non sabes o que é a Dorna? Entón estás a piques de descubrir unha das festas máis tolas, mariñeiras e divertidas da Galicia. E se xa a coñeces, sabes que non hai verán sen Dorna, nin Dorna sen caos organizado, probas absurdas e moita retranca.
Dende Toxo (que tamén nacemos en Ribeira) traémosche esta guía rápida para que non quedes fóra do que realmente importa nesta celebración única.
O Exame de Patróns
Se queres sentirte parte da festa, o primeiro é convertirte oficialmente en dorneiro/a. É un acto simbólico no que recibes o título honorífico, unha aperta da Cofradía e, como non, unha dose de humor marca da casa. Este ano o discurso do Exame virá da man de Viman Style.
A Rejata de Embarcacións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo
Un clásico da Dorna. Aquí non verás barcos elegantes, senón artefactos flotantes (ou non tanto) feitos con calquera cousa que se che ocorra: portas, bidóns, colchonetas, bañeiras…
Gaña quen máis risas saque, non quen chegue primeiro.
O Jran Prix de Carrilanas
Carrilanas sen motor indo costa abaixo a todo trapo? Claro que si. Prepárate para ver o mellor (e o peor) da enxeñaría dorneira, todo aderezado con disfraces e emocións fortes.
O Voo sen Motor
Non hai Dorna sen Voo sen Motor. Esta proba xa é lenda: consiste en lanzarse dende unha rampa ao mar cun artefacto voador construído na casa… ou nun garaxe con moita imaxinación e pouca lóxica. O obxectivo non é gañar, senón caer con estilo (ou non caer antes de tempo). Ás veces voan, ás veces non. Pero sempre fan rir.
Os concertos e o ambiente
A Dorna tamén é música, troula e moita risa. Pola noite, Ribeira énchese de vida con concertos e festas para todos os gustos. E de balde, como debe ser.
E de bonus: a retranca Por riba de todo, a Dorna é un espazo onde a retranca manda, onde todo se fai co corazón e coa cabeza un pouco tola (pero sanamente).
En resumo: se non vas, pérdelo ti!
A Dorna non se explica, vívese. Así que xa sabes, colle o sombreiro, afina as cordas vocais e ven gozar da festa máis libre e salitrada do verán.
-
PROGRAMA DA FESTA DA DORNA
Datas: do 18 ao 24 de xullo de 2025 e Acto Final o día 09 de agosto de 2025
Lugar: Ribeira (A Coruña)
Venres 18 de xullo
09:59h Satenta e Sete Badaladas
11:11h O Facho Dorneiro recorre as rúas e máis as prazas
12:28h XI Ruta de Tapas Estrelas Mijelín
16:07h XXXIV Enjalanamento das Fanequeiras
21:57h Macroqueimada
22:29h Sirimonia de Inisiasión co tan esperado Prejón con Aida Tarrío, das Tanxugueiras
Sábado 19 de xullo - Día do Orjullo Jaiteiro
10:57h Pasarrúas e Música
12:21h X Ruta de Tapas Estrella Mijelín
15:32h Jran Folión 17:03h XXXIII Xojos e Deportes Populares de Terra
22:12h XXXIV Sertamen Itinerante da Cansión de Tasca
Domingo 20 de xullo
16:15h Exposisión de Carrilanas
18:02h Subida das Carrilanas
19:01h XXXIV Jran Prix de Carrilanas
23:31h Vídeo Maping 23:57h RockAndDorna: Banda Xangai
Luns 21 de xullo
15:56h RockAndDorna: El Clan de los Impostores
17:03h Trinautlón Dorneiro
18:32h Pesca do Parrulo
Martes 22 de xullo
11:02h VI Maratasón Infantil
16:06h Maratasón
00:31h Batalla de Jallos
Mércores 23 de xullo
16:32h XXXIII Voo sen Motor
17:41h XXXIII Xojos de Mar
17:58h Jran Basar Asosiativo
22:31h XXXIV Exame de Patróns
Xoves 24 de xullo - O día da Dorna
11:43h Exposisión de Embarcasións
14:47h XXXV Rejata Cutre Shark de Embarcacións Feitas á Machada e Propulsadas a Pan de Millo
15:15h Romaría Dorneira
18:36h Campionato Mundial de Chinchimonei
22:28h RockAndDorna Monolius Dop
02:22h Arriada de Pañoleta
Sábado 9 de agosto – Acto Final
21:32h Sea-Baile da Jala
-
Portada: El Correo Gallego [https://www.elcorreogallego.es/concellos/2024/07/24/divertida-regata-embarcasions-feitas-machada-106043178.html]