O Premio Manuel Beiras 2024 e o compromiso coa lingua
O pasado 2 de decembro de 2024 foi un día especial para Toxo Telecom. Na gala dos Premios Manuel Beiras, celebrada para recoñecer o uso do galego no ámbito empresarial, tivemos a honra de ser distinguidos na categoría de "Empresa de nova incorporación ao uso da lingua". Este recoñecemento non só nos enche de orgullo, senón que tamén nos fai reflexionar sobre o noso camiño, o papel da lingua na empresa e o que significa realmente falar galego.
Un discurso para a alma galega
No noso discurso, lembramos unha anécdota histórica que nos interpela aínda hoxe: en 1932, Manuel Beiras organizaba unha misa en galego na honra de Rosalía. Esa misa, que debería ser algo habitual, foi considerada unha excepción. E esta pregunta resoa en nós: Por que o que debería ser natural no noso contexto cultural acaba sendo o extraordinario?
Agradecemos ó xurado por pensar en Toxo Telecom para este galardón, pero tamén fixemos unha reflexión importante: isto non debería ser un mérito, senón unha normalidade. Falar galego, vivir en galego, facer empresa en galego é o que, como galegos e galegas, deberiamos ter interiorizado dende sempre.
O camiño de Toxo cara o galego
En Toxo Telecom, o galego non foi sempre a nosa lingua de traballo. Nacemos en Ribeira, fundados por tres mozos galegos que, paradoxalmente, eran castelán-falantes. Durante o desenvolvemento do noso plan de negocio, decatámonos dunha verdade evidente: se queres chegar á xente en Galicia, debes de facelo na súa lingua. Este foi o punto de inflexión. A partir dese momento, Toxo non só se converteu nun proxecto empresarial, senón tamén nun catalizador para que os seus fundadores integrasen o galego no seu día a día.
Como dicía Eduardo Galeano: “Moita xente pequena, en lugares pequenos e facendo cousas pequenas poden cambiar o mundo.” Nós, desde un municipio pequeno como Ribeira, demostramos que o galego non só ten cabida, senón que ten cobertura nas telecomunicacións e máis aló.
Un compromiso real, non só empresarial
Hoxe, Toxo Telecom opera tamén desde Santiago de Compostela, conta con máis de 30 distribuidores en Galicia e atende clientes no 90% dos concellos galegos. Pero máis importante que os números é o impacto do noso compromiso co galego. Desde superar retos cos provedores, adaptar documentación e sistemas, ata escoitar aos nosos clientes dicirnos: “Que gusto da poder ser atendidas na nosa lingua”. Isto confírmanos que imos polo bo camiño, aínda que tamén nos lembra que aínda hai moito por facer.
O noso proxecto transcende o negocio. Como nos ensinou o lingüista David Crystal, unha lingua é unha forma de construír a realidade. Perder unha lingua significa perder unha perspectiva única do mundo. En Toxo, traballamos para preservar e potenciar esa visión galega, demostrando que as palabras de Rosalía, Curros e Pondal poden ser igual de relevantes na era da fibra óptica.
Galego máis intelixente, máis humano
Grazas á nosa aposta pola lingua, incluso a nosa intelixencia artificial, Gabri, fala galego. Porque, como dixo un bo amigo, “se falas castelán cun galego, enténdeche, pero se lle falas na súa lingua, falaslle á súa alma.” Queremos compartir este premio coas persoas que forman parte de Toxo, cos nosos clientes e cos nosos socios do Grupo Parlem, que tamén destacan por defender as súas linguas e culturas. Grazas a todos por crer neste proxecto que, máis que tecnolóxico, é profundamente humano.
O futuro da lingua está nas nosas mans
O Premio Manuel Beiras é un recoñecemento ao traballo feito, mais tamén un recordatorio do camiño que queda por andar. En Toxo Telecom, entendemos que falar galego non é só unha opción, senón un acto de amor á nosa cultura e identidade. Que saiba o mundo enteiro: en Toxo, somos galegos, falamos galego, e imos seguir demostrando que aquí o galego sempre terá cobertura.